01/11/2026
Hoxe queremos expresar o noso apoio a Partera Guerrillera que segue denunciando os espazos dixitais onde se comparten, sen consentimento, imaxes íntimas de mulleres e se promove a violencia contra elas
E tamén a Alba Padró Arocas . A súa conta divulga e ofrece apoio á lactación materna: axuda a resolver dúbidas de nais e asesoras, e fai visible a falta de información, acompañamento e sostén que tantas mulleres viven
Que se retiren estas imaxes non é un xesto neutro. Cando se oculta o corpo que amamanta, tamén se volve invisible o que ese corpo necesita: tempo, descanso, atención sanitaria respectuosa, apoio e condicións para decidir libremente. Invisibilízase a lactación e, con ela, a responsabilidade colectiva de soster ás nais e ás criaturas. Esta invisibilidade forma parte dunha violencia estrutural machista e patriarcal que controla os corpos das mulleres, cuestiona as súas decisións e lles atribúe en solitario o coidado. As nais son sinaladas tanto se amamantan como se non o fan, mentres as condicións que fan posible unha decisión libre (información independente, apoio profesional e social, conciliación e protección dos dereitos) seguen sen estar garantidas para todas. Tamén nos preocupa a vulneración do Código Internacional de Comercialización de Substitutos do Leite Materno, que procura protexer ás familias fronte á promoción comercial que pode interferir nas decisións informadas sobre alimentación infantil. A divulgación rigorosa e o apoio á lactación son parte dese dereito á información. Silencialos debilita a capacidade das familias para preguntar, comprender e decidir sen presións comerciais
E mentres se retiran contidos de información e de apoio, continúan circulando espazos onde a intimidade das mulleres é vulnerada e a violencia sexual se normaliza. Segundo a Macroencuesta de Violencia contra la Mujer 2024, 161.038 mulleres en España sufriron a difusión en internet de imaxes ou vídeos seus de contido erótico ou sexual sen consentimento. A pregunta é inevitable: que corpos e que contidos se consideran inapropiados, e que violencias reciben unha resposta efectiva?
(Segue en comentarios)